PROGRAMA DE INVESTIMENTOS COFINANCIADOS CON FONDOS EUROPEOS

fondoseuropeos

A expresión «política de cohesión» designa un marco político de solidariedade a escala europea que se traduce en centos de miles de proxectos que se benefician en toda Europa da axuda de dous Fondos Estruturais, que son o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Fondo Social Europeo (FSE), así como da axuda do Fondo de Cohesión.

A cohesión económica, social e territorial proponse reducir as diferenzas entre as diversas rexións e o atraso das rexións menos favorecidas así como perseguir un desenvolvemento territorial máis equilibrado e sostible.

Os importes destinados á política rexional para 2007-2013 decidíronse durante o Consello Europeo do 17 de decembro de 2005, no que os Estados membros definiron as «perspectivas financeiras», é dicir, o presuposto europeo a aplicar durante o período 2007-2013. En total asignáronse aos Estados membros 347.000 millóns de euros para aplicar a política de cohesión durante o devandito espazo de tempo. A repartición de asignacións entre os Estados negóciase no Consello, concedéndose prioridade aos países menos desenvolvidos. A continuación cada Estado distribúe esta asignación en función dos distintos «programas operativos» que elabore. Os programas operativos son documentos presentados por un Estado membro e aprobados pola Comisión, nos que se recollen as estratexias de desenvolvemento que conteñen un conxunto coherente de prioridades para cuxa realización se precisará axuda dalgún dos Fondos ou, cando se trate o obxectivo de "converxencia" do Fondo de Cohesión e do FEDER.

fondoseuropeos1

Os devanditos programas poden abranguer o conxunto dun territorio (no caso de programas temáticos como medio ambiente, transportes, etc.), ou dirixirse a unha rexión particular (programas rexionais). Finalmente, os Estados reparten as partidas presupostarias entre as diferentes rexións en función duns indicadores estatísticos achegados pola Comisión Europea. Prográmase a nivel de eixe prioritario.

O ámbito de aplicación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concéntrase no apoio ao investimento público e privado que favoreza a redución dos desequilibrios rexionais no seo da Unión. As prioridades de financiamento deste Fondo reflicten a natureza dos obxectivos de «Converxencia», Competitividade rexional e emprego e «Cooperación territorial europea», esas prioridades inclúen a I+D, a innovación empresarial, o desenvolvemento da Sociedade da Información, a protección do medioambiente, e o desenvolvemento das infraestruturas.

O Fondo Social Europeo débese centrar en catro ámbitos clave: aumentar a adaptabilidade dos traballadores e as empresas; mellorar o acceso ao emprego e a participación no mercado de traballo; reforzar a inclusión social e promover a asociación para a reforma nos ámbitos de emprego e inclusión:

Para o período 2007-2013 prevese que o Fondo de Cohesión financie actuacións no marco do obxectivo «Converxencia». Este obxectivo ten por obxecto acelerar a converxencia dos Estados membros e as rexións menos desenvolvidos mellorando as condicións de crecemento e emprego.

O Fondo de Cohesión ten como misión reforzar a cohesión económica e social da Unión Europea, promovendo ao mesmo tempo o desenvolvemento sostible e concentra as súas actuacións nos ámbitos do medio ambiente e das infraestruturas do transporte.

fondosocialeuropeo

PERIODO 2007-2013


PERIODO 2000-2006


Outros enlaces de interese:

 

CASTELA E LEÓN

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para su funcionamiento, para mantener la sesión y personalizar la experiencia del usuario. Para más información sobre las cookies utilizadas consulta nuestra Política de Cookies.